Que mellor maneira de inaugurar este blog que comentando unha das películas máis épicas dos últimos anos? A ver, que ten tres anos, pero tal e como anda a sétima arte... Ademáis, cantas obras de tal tamaño dos últimos tres anos coñecedes con tanta mensaxe e transcendencia? Persoalmente, acostumo tomar precaucións á hora de ver unha obra norteamericana. Non por nada, senón porque Hollywood acostuma a facer un cine enganoso. Mais coa antepenúltima obra de Martin Scorsese, non puiden resistirme. Tamén hai que dicir que, por suposto, a obra non é perfecta. E ao final, quédache unha sensación un tanto extraña, como de indignación, pero inexpresiva. Non coa historia, senón contigo mesmo. Coma se subconscientemente souberas que, realmente, o que acabas de ver, ten máis de verdade que de ficción. O cal é moi característico, porque isto pretende ser superficialmente unha épica. E isto non sucede noutras épicas de Scorsese, por exemplo en "Goodfellas", e iso que ten 20 anos. Por tanto, rematas sen saber moi ben se isto, a nivel de autor, é un avance ou un deterioro. Pero deixemos iso para o final.
![]() |
| Escena de "The Wolf of Wall Street" |
Imos dende o principio. Jordan Belfort nárranos en forma de autobiografía o seu ascenso e caída, como é típico das épicas americanas. Jordan é un mozo que soña con ser millonario, e o lugar máis indicado da Terra para cumprir as súas humildes aspiracións é Wall Street. Pero o seu inicio no mundo bursatil fracasa, e tras recuperarse desde o máis baixo, decide montalo pola súa conta, e funda a súa propia compañía de valores onde empregará as prácticas máis sucias do capitalismo, estafando ao máis ignorante e facéndose millonario á súa costa. Pero cedo tópase coa xustiza estadounidense, á que tentará dar esquinazo e que, a pesar de todo, non fará que deixe de ser millonario, cos consecuentes privilexios. E, despois de tres longas horas de película, Scorsese espétache na cara todo o que che leva contando esas últimas tres horas: "todo está á venda". E ahí o temos, ao noso protagonista nunha prisión federal xogando ao tenis nunhas instalacións dignas dun hotel cinco estrelas. E ese plano en ascensión que se vai alonxando da cárcere e amosa, na parte superior, a zona dos ricos, e na inferior, a dos pobres delincuentes comúns, separados por unha rexa e catro gardas armados? É sinxelamente brutal. Un puto cachondeo na túa cara. Unha aútentica alegoría do mundo no que vivimos.
Esta película devólvenos ao máis arraigado dos espíritos capitalistas: quen poida que aproveite e quen non que se foda. Isto lévanos tamén a outro punto moi interesante da obra de Martin Scorsese, que é o feito de que se xulgue máis a Jordan por pretender medrar nunha clase social que non lle corresponde que por estafar aos seus clientes. Con isto, Martin dáme a entender que nos tempos que corren, e na sociedade na que vivimos, tense como liberdade a maior das opresións: o diñeiro, o poder. E a aquel que tente infiltrarse nela, rápidamente faranlle caer.E non lle falta razón. Unha crítica total a modo de descripción da farsa do soño americano. Do home feito a si mesmo. Con isto, precisamente, remata a película. Ese plano con todas esas persoas de a pé, traballadoras, atendendo con minuciosidade ao home feito a si mesmo, esperanzados en ser coma el. Cando nunca o serán.
Por tanto, isto non vai só de diñeiro, putas e cocaína, para nada. As andanzas dos poderosos están moi presentes dentro da obra, cun claro exhibicionismo de superioridade das clases altas, con vidas ostentosas e cheas de privilexios, rodeadas de drogas en cantidades anormais, sexo de pago, comidas e ceas diarias de 10.000 dólares,... en resumo, un continuo festín, tan exaxerado que me lembra ás clases altas da época romana. Ademais, fai especial incapié na realidade sexista e consumista do mundo no que vivimos. Pero, iso non quere dicir que a historia queira simplemente retratarnos esas vidas. Quere metercho na cabeza, con cada plano, con cada detalle, con diálogos de 30 segundos que pasan desapercibidos e teñen máis forza que as escenas de media hora. No detalle é onde se atopa a riqueza desta obra. Non é só unha narrativa: é unha cruel e descarada alegoría, como xa dícia no primeiro parrafo. As escenas de sexo, o falso amor, as propiedades, o desfase, a impunidade total, as drogas, as malas prácticas. Ahí é onde reside toda a forza da obra. Pero despois...
Doeme dicilo, pero hai que dicilo. Quizais sexa porque Scorsese leva moito tempo camiñando sobre as mesmas pautas e xa estou acostumado, pero é inevitable, sen facer unha análise profunda, quedar cun mal sabor de boca ao final de todo. Pode ser que para a maioría do público a épica e a puta locura multimillonaria de desenfreno compensen ese mal sabor. Pero para os que lle temos un certo agarimo á sétima arte, esa é a primeira impresión, ou polo menos para min. Seguramente sexa por iso, polo que dícia ao principio, porque Martin leva xa unhas cantas obras coa mesma línea: voz en off, caída e ascenso do prota, desfase decandente para narrar con alegoría, a contraposición do triunfador e o fracasado... De todas maneiras, a película non deixa indiferente a ninguén, para ben ou para mal. Isto é unha crítica ao vicio, ao consumo, ás clases. Contido social e político de actualidade, nun filme norteamericano. Ademáis, Di Caprio fai un puto papelón. Que máis queredes?


Comentarios
Publicar un comentario
...