Ir al contenido principal

Lectura feminista? Obrigatoria.

O movemento feminista, coma calquer movemento social ou político, posúe as súas propias teóricas e referentes, coma tamén as súas milleiras de anónimas. A historia das mulleres é, en xeral, unha historia radical. Mais é radical porque así precisa selo, é unha mera cuestión de necesidade, da resistencia á norma redactada polos homes e da oposición á normalización do doméstico e do íntimo pensada para os homes. Refírese entón á necesidade radical de rachar con esa normalización que as oprime, acadando así plena igualdade con respecto aos homes. Neste sentido, a loita da muller pode considerarse coma a loita social más necesaria a librar, tamén porque non deixa de ser unha loita de clases, sendo, entón, inherentemente anticapitalista. É feminista, por exemplo, legalizar os ventres de aluguer? A ollos dun liberal, non. A ollos dun marxista, non. A diferenza é que o liberal porá por diante as malinterpretadas "liberdades individuais" fronte ós intereses de clase, aproveitando o discurso do feminismo como medio. Por tanto, non serve de nada reivindicar a loita feminista se homes e mulleres non asumen unha conciencia de clase, se os homes non entenden que a muller ten dobre opresión por ser muller, e tampouco se homes e mulleres non comprenden que comparten a mesma orixe de opresión.

Dito isto, que hai que ter en conta á hora de afogarse na lectura feminista? Primeiro, que o feminismo na escrita posúe tres etapas ou "ondas". Segundo, que, volvendo ao principio, o movemento feminista, e, de novo, coma calquer movemento social ou político, non é uniforme nás súas análises, nin nas súas teorías, nin nos seus medios de loita. Máis no caso do feminismo é especialmente máis notable porque, entendido dunha maneira abstracta, percíbese como que non se refiere a unha clase, nin a unha etnia, nin a unha comunidade: refírese ás mulleres. E iso inclúe a tódalas mulleres do mundo. Isto implica que o feminismo, que de por si é ideolóxico, pode pasar a ser á vez inherente a outra ideoloxía que así o solicite, polo que se converte nun discurso completamente volatilizado. E así che ven despois Hillary Clinton tope guai en plan "Hi, I'm Hillary, I'm a feminist, I'm cool, and I'm the one who bombs children in Iraq". Vas pillando a que me refiro, non?  

Polo tanto, e tendo en conta todo o anteiror, facer unha recomendación de lecturas resúltame extremadamente complexo: pola cantidade de textos, pola cantidade de correntes, pola cantidade de polémicas. Porque, en definitiva, o feminismo posúe, por desgraza ou non, diferentes interpretacións de fondo. De modo que vou facer unha recomendación de autoras, mencionando algunha obra de cada unha, coa fin de que isto sexa o menos volátil posible, seleccionando cinco autoras de todas as que teño lido. Como se pode presupoñer, non falta a perspectiva da esquerda nesta selección (isto non é un medio de comunicación, non son imparcial). Mais agardo que, buscando un equilibrio entre seleccionar autoras marcadamente de esquerdas e facer unha recomendación para o lector medio, estes cinco aportes seleccionados sexan de utilidade para calquera que queira profundizar no tema, de esquerdas ou non. Imos aló:

1. Simone de Beauvoir


Comezamos coa que, por excelencia, é das autoras feministas más solicitadas. Simone de Beauvoir, parisina de orixe burguesa nada en 1908, foi e é unha das máis importantes figuras do feminismo, e, por suposto, unha firme anticapitalista. A súa relevancia principal é que obras como "O segundo sexo" son fundacionais do movemento feminista, o que se traduce en que é un piar fundamental da teoría. Os seus ensaios e escritos perciben variadas influencias, dende Descartes pasando por Kant ou Marx, tratando tanto cuestións políticas coma sociais. Ademáis do xa mencionado "O segundo sexo", tamén recomendo "O pensamento político da dereita", aínda que isto xa depende do gusto persoal. Sen dúbida, unha imprescindible na materia.
2. Rosa Luxemburgo


Veña, seguimos coas populares. Rosa Luxemburgo, socialdemócrata polaca e alemá nacionalizada de orixe xudía nada en 1870/71, é outra imperdible na teoría feminista. E non é pola abundancia das súas obras ao respecto, senón porque desas obras, hai unha que sí ou sí é necesariamente fundacional do feminismo: "Reforma ou Revolución". Publicada en 1899, segue a ser unha das lecturas principais no feminismo. Supón, como dicía na introdución, entender que o feminismo é tamén unha loita de clases, que a igualdade social, política e económica que defende o feminismo é completamente contraria ás ideas liberais, posto que unha non pode convivir coa outra. Supón comprender e profundizar no que ben resumía Rosa nunha frase: "Quen é feminista e non é de esquerdas, carece de estratexia. Quen é de esquerdas e non é feminista, carece de profundidade." E punto. Hai que lela.

3.Kate Millett


Probablemente menos coñecida, aínda que non debería. Kate Millett, estadounidense universitaria, filósofa, activista, profesora (fixo de todo esta muller), nada en 1934, é unha das principais referencias do feminismo contemporáneo, ubicada no feminismo radical. Esta pode que sexa unha das lecturas máis interesantes, principalmente porque Millett destaca ao describir a desigualdade mediante as relacións e a vida sexual. Con respecto a isto, unha recomendación é "Política sexual", tese que Millett presentou na Universidade de Oxford, e que fala precisamente do dito anteriormente. Tivo moitas críticas polo seu escrito, coma tamén moitas admiracións (a miña é unha delas).

4. Ariel Levy


Pero, e esta quen é? Calma. Explícovos: Ariel Levy, xornalista estadounidense de orixe xudía. O seu traballo pódese ver no "The Washington Post", "Vogue", etc. E ten publicados dous libros. Non parece gran cousa. O motivo principal de que a mencione nesta lista é porque Ariel Levy é a autora de "Female Chauvinist Pigs: Women and the Rise of Raunch Culture" que pode traducirse en "Porcos chouvinistas femininos: a muller e o aumento da cultura Raunch" (2005). Unha amena lectura que básicamente critica a extrema sexualización da muller na cultura americana, incluíndo a pornografía. O que a min me interesa é a súa descrición do "Síndrome da abella raíña", onde critica á muller que ten como práctica reforzar as estruturas patriarcais no seu beneficio. Moi recomendable como lectura inicial. 

5. Alexandra Kollontai


Chegamos á derradeira, a miña fav. Alexandra Kollontai, revolucionaria rusa nada en 1872 e unha das mulleres máis destacadas da Unión Soviética. Firme defensora de Lenin e dos soviets, Kollontai é unha das chamadas "grandes mulleres soviéticas", responsable, por exemplo, da modificación de leis en favor dos dereitos da muller mentres foi Comisaria do Pobo. Forma parte desa historia de vitorias sociais e políticas das mulleres soviéticas coma tamén da crítica contra Stalin en canto á volta de lexislacións que limitaban a emancipación total da muller, como por exemplo a penalización do aborto. Obras a destacar? Non sabería quedar con unha. Esta é sen dúbida a referencia que máis moldeou o meu pensamento, e gárdolle moito agarimo. Coido que "As relacións sexuais e a loita de clases" é unha lectura máis que recomendable para comezar con ela.




Colle o teu PDF:

- "As relacións sexuais e a loita de clases", Alexandra Kollontai (en castelán)

- "O segundo sexo", Simone de Beauvoir (en castelán)

- "Reforma ou revolución", Rosa Luxemburgo (en castelán)





Comentarios